A Milla da Curuxa

A Milla da Curuxa é unha das ferramentas que o CEIP Plurilingüe de Tirán puxo en marcha para cumprir os obxectivos do PDC.

Nace baseándose nunha iniciativa dunha mestra de primaria, Elaine Wyllie, no colexio de San Ninian en Stirling, Escocia. Esta mestra observou que os seus nenos estaban pouco en forma, ademais de estar pouco concentrados nas aulas. Pouco a pouco introduciu a milla diaria na súa escola, de xeito que se foron sumando todos os cursos. Desta maneira fóronse incorporando á iniciativa outros colexios, ata o punto de que o goberno escocés aprobou a milla diaria para todas as escolas de Primaria. Posteriormente as Universidades de Stirling e Edimburgo comezaron estudios científicos sobre os efectos da Milla Diaria. Os primeiros resultados a nivel físico amosan que os niveles de obesidade infantil en St Ninian son case a metade do promedio nacional.

No CEIP Plurilingüe de Tirán foi necesario reestruturar os períodos lectivos da xornada escolar para que a iniciativa tivese cabida dentro da mesma, sen modificar o horario de entrada e saída do centro. A milla da Curuxa lévase a cabo nun período de quince minutos establecidos entre a segunda e terceira hora da mañá. Para non reducir os tempos de docencia, optimizouse o tempo adicado á lectura diaria e conseguiuse que o recreo ordinario só se vise reducido en dez minutos, eliminando, ao seu remate, o tempo de espera con formación de filas na entrada ás aulas.

Deste xeito, ás 11:10 h todo o alumnado de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe de Tirán sae a facer a súa particular milla diaria, a Milla da Curuxa, nunha contorna natural excepcional que lle outorga, se cabe, moito máis valor.

A Milla da Curuxa non só persegue obxectivos físicos, senón que tamén busca beneficios a nivel social e emocional:
  • Incrementar a carga real de actividade física diaria no alumnado.
  • Reducir os niveis de sobrepeso e obesidade do alumnado.
  • Satisfacer as necesidades de liberdade no medio natural nestas idades.
  • Establecer contacto diario coa natureza, cos seus sons, cos seus olores, coas súas especies así como fomentar o respecto pola mesma.
  • Ofrecer ao alumnado a posibilidade de compartir conversas e experiencias cos mestres e cos compañeiros e compañeiras, nun ambiente distinto ao da aula.
  • Mellorar o rendemento, o estado de ánimo e a concentración.
  • Reducir os niveis de estrés e ansiedade.
  • Promover unha actividade non competitiva, senón divertida interactuando cos demais.
  • Promover unha actividade non discriminatoria nin excluínte na que todos participen.