Xogos Populares



A Secretaría Xeral para o Deporte presenta o Xogo Popular e Tradicional como unha actividade con nome propio, dentro do programa Xogade, tras comprobar a alta demanda que tivo nos centros educativos a actividade lúdica de Xogos Populares (modalidade na que comezou) en Xogade.

Conseguiuse así que, por primeira vez, aparecese o xogo popular e tradicional de Galicia dentro do ámbito do deporte escolar nesta comunidade autónoma.

Esta actividade preséntase como unha exposición itinerante dunha semana de duración polos centros educativos (públicos, privados ou concertados), para o uso e proveito de toda a comunidade educativa, non só dos escolares do centro, co obxectivo de fomentar os xogos tradicionais da Comunidade Autónoma de Galicia así como aqueles que aínda non sendo de orixe galega, foron e son popularmente utilizados na nosa sociedade.



Consta de 13 paneis divulgativos, 1 baúl con materiais e fichas explicativas de cada un dos xogos e unha guía didáctica de apoio ao profesorado.

Nos paneis divulgativos amósanse diferentes xogos populares ou tradicionais de Galicia, presentando datos sobre a súa orixe, forma de xogo, variantes segundo as zonas xeográficas, etc.

  • Tiro á corda
  • Os aros
  • A goma
  • A mariola
  • As chapas
  • As buxainas
  • Pase Misí
  • O gato e o rato
  • As lombas
  • A chave
  • O pano
  • Os tres pés
  • O buscalume


O baúl contén os materiais necesarios para poñer en práctica os xogos anteriormente expostos. Tanto o baúl coma estes materiais foron elaborados e tallados a man cun resultado de gran calidade.

As fichas explicativas dos xogos pretenden ampliar a documentación mostrada nos paneis, facilitan unha maior diversidade de actividades e proporciónanlles aos escolares un maior número de xogos populares e/ou tradicionais de Galicia.
  • Nome do xogo.
  • Materiais e espazos necesarios.
  • Descrición do xogo.
  • Regulamento (en caso necesario).
  • Variantes do xogo.