Xogade

O programa XOGADE (xogos galegos deportivos en idade escolar), é unha iniciativa promovida e financiada pola Xunta de Galicia, co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos galegos e brindarlles aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma, dáselle así resposta a un dos obxectivos principais da política deportiva da Xunta de Galicia: fomentar e estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade dende as idades máis temperás.
O programa combina o programa deportivo e competitivo (escolar e federado) cun programa lúdico e participativo para os escolares dos centros educativos de toda Galicia. Este é o primeiro paso da Secretaría Xeral cara a un deporte humanista, educativo e saudable.
Apóstase por un modelo deportivo orientado á participación, que se axusta ao modelo de deporte promulgado dende o Consello de Europa a través da Carta Europea do Deporte.
O obxectivo primordial desta nova concepción do deporte será a promoción da saúde, a condición física e o benestar, sen esquecer nin deixar de lado o rendemento deportivo, pero asegurando que todos os escolares poidan ter acceso á práctica de actividades físico-deportivas sen que exista ningún tipo de discriminación.
A Secretaría Xeral para o Deporte, coa colaboración das federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares, convoca este programa no comezo de cada curso escolar cunha duración de setembro a xuño.
Este programa vai dirixido a todos os escolares galegos, polo que poderán inscribirse se o desexan, os centros de ensino, as ANPA, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas, asociacións, etc. pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

Obxectivos
  • Incrementar a participación en actividades físico-deportivas en horario non lectivo das poboacións escolares, con especial incidencia no colectivo de nenas.
  • Beneficiarse do gran potencial educativo e formativo das actividades físico-deportivas e que prime a participación por riba da competitividade.
  • Impulsar a función integradora e de cohesión social do deporte.
  • Manter ou mellorar o estado de saúde a través da adquisición de hábitos de vida activos e saudables.
  • Permitir a aprendizaxe dos conceptos técnicos e tácticos, o desenvolvemento das diferentes cualidades físicas, así como a transmisión de hábitos, actitudes e valores.
  • Potenciar o xogo limpo e a deportividade.
  • Potenciar os xogos motores como instrumento base da educación.
  • Introducir ao alumnado en diferentes disciplinas deportivas mediante actividades lúdicas de carácter global.
  • Facilitar a comunicación e a convivencia dos alumnado independentemente do seu nivel de práctica.
  • Fomentar a práctica de actividade física como hábito saudable necesario na sociedade actual.
  • Posibilitar que os nenos e nenas se divirtan realizando actividade física.
  • Acercamento aos escolares galegos das estruturas deportivas con actividade na súa localidade.
  • Fomentar os xogos tradicionais da Comunidade Autónoma de Galicia así como aqueles que aínda non sendo de orixe galega, foron e son, popularmente, empregados na nosa sociedade.
  • Promover a educación en valores a través do gran potencial educativo do que dispón o deporte como a tolerancia, o respecto aos demais e ás regras, o esforzo, a superación, a cooperación e a confianza, entre outros.

O Programa XOGADE contempla actualmente 13 actuacións, recollidas na Normativa Xeral 2016-2017.