Xustificación PDC


Son varias as circunstancias ou factores que empuxan a o CEIP Plurilingüe de Tirán a poñer en marcha un Proxecto Deportivo de Centro (PDC).

En primeiro lugar, é a actual lexislación educativa a que trata de promover accións destas características. 


Disposición adicional cuarta. Promoción da actividade física e dieta equilibrada.
As administracións educativas adoptarán medidas para que a actividade física e a dieta equilibrada formen parte do comportamento infantil e xuvenil. Para estes efectos, as ditas administracións promoverán a práctica diaria de deporte e exercicio físico por parte dos alumnos e alumnas durante a xornada escolar, nos termos e condicións que, seguindo as recomendacións dos organismos competentes, garantan un desenvolvemento adecuado para favorecer unha vida activa, saudable e autónoma. O deseño, coordinación e supervisión das medidas que, para estes efectos, se adopten no centro educativo serán asumidos polo profesorado con cualificación ou especialización adecuada nestes ámbitos.

Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, tamén recolle o seguinte artigo:

Artigo 20. Promoción de estilos de vida saudables
Os centros docentes desenvolverán medidas específicas dentro do seu proxecto educativo, de xeito que se promova a práctica diaria de deporte e exercicio físico por parte dos alumnos e das alumnas durante a xornada escolar, en relación coa promoción dunha vida activa, saudable e autónoma.
O deseño, a coordinación e a supervisión das medidas que se adopten serán asumidas polo profesorado coa cualificación ou especialización adecuada, e de acordo cos recursos dispoñibles.

Nesta liña, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, pon a disposición dos centros o Plan Proxecta, unha iniciativa dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores. En coordinación coa Secretaría Xeral para o Deporte e coa Fundación Deporte Galegoeste plan oferta o PDC-Centros Activos e Saudables, un programa que pretende axudar aos centros docentes a elaborar o seu propio Proxecto Deportivo de Centro abordando a loita contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade, a través do incremento, dentro e fóra do horario lectivo, da carga real de actividade física que realiza o alumnado. 
Este programa desenvolve os contidos aplicables ao ámbito educativo que conteñen os seguintes textos legais:

En segundo lugar, a través do estudo do IMC nas probas de avaliación de DAFIS no curso 2015/2016, o CEIP Plurilingüe de Tirán ven de detectar un 48% de sobrepeso e un 13% de obesidade entre o seu alumnado, uns datos que non son moi distintos do resto da comunidade, pero que requiren unha actuación inmediata. Estes índices teñen moito que ver co sedentarismo crecente que está a sufrir a nosa sociedade, que é unha das causas principais das enfermidades crónicas non transmisibles (ECNT).

Existe unha forte evidencia médica e científica que indica que a inactividade física ten importantes efectos prexudiciais sobre a saúde, o que converte ao sedentarismo nunha desas condicións que aumentan os riscos de enfermar e que está nas nosas mans modificar. E aínda que o sedentarismo pode causar ou agravar outras enfermidades e empeorar outros factores de risco, é xa en si mesmo un factor de risco independente.

Ao longo da historia, o home utilizou o seu propio corpo como instrumento para traballar, desprazarse, conseguir alimentos, divertirse xogando, bailando, etc. Non obstante, nestas últimas décadas, a situación transformouse como consecuencia da aparición constante e crecente de dispositivos mecánicos creados pola intelixencia humana, novas formas de produción e distribución de alimentos, de transporte, de urbanismo e de ocio, que contribuíron á adopción de novos estilos de vida, desterrando ao sedentarismo a uns organismos excepcionalmente dotados para o movemento. Os nosos corpos non tiveron tempo para adaptarse a estes acelerados cambios, e este desaxuste está a provocar a aparición de graves problemas de saúde en forma de enfermidades crónicas non transmisibles (ECNT).

As enfermidades crónicas non transmisibles (ECNT), ao igual que no resto do mundo, constitúen o principal problema de saúde na sociedade galega. Entre elas, as máis relevantes son a obesidade, as enfermidades cardiovasculares, a diabete, as dislipemias, a osteoporose e certos tipos de cancro. Padecer algunha destas enfermidades ten unhas consecuencias importantes a nivel individual (perda de calidade de vida, discapacidade e dependencia, gasto de diñeiro, morte prematura etc.) pero tamén ten outras a nivel comunitario (masificación do sistema sanitario, empeoramento da atención sanitaria, gasto económico moi aumentado, diminución da produtividade, etc.). E un trazo especialmente preocupante é que estas enfermidades crónicas non transmisibles aparecen a idades cada vez máis temperás.

Hai evidencia concluínte de que actividade física regular mellora sustancialmente a forma física e o estado de saúde de nenos e nenas. En comparación cos suxeitos inactivos, os que fan exercicio presentan un mellor estado cardiorrespiratorio e maior resistencia muscular, así como unha mellora da súa saúde, e está suficientemente documentado que presentan menor graxa corporal, un perfil de risco de enfermidade cardsiovascular e metabólica máis favorable, unha mellor saúde ósea e unha menor presenza de síntomas de asiendade e depresión.







En terceiro lugar, e o factor máis importante á hora de xustificar un proxecto coma este desde o sistema educativo. Trátase da percepción equivocada que o alumnado e as súas familias teñen sobre o seu nivel de actividade física. Para tratar de comprendelo, faise necesario sinalar as recomendacións da OMS para o grupo de idade que vai desde os 5 aos 17 anos, no documento "Recomendaciones Mundiales sobre Actividad Física para la Salud":

  • Acumular un mínimo de 60 minutos diarios de actividade física moderada ou vigorosa (obxectivo mínimo de actividade física diaria para mellorar a saúde e previr as ECNT).
  • A actividade física durante máis de 60 minutos reporta beneficios adicionais para a saúde.
  • A actividade física diaria debería ser, na súa maior parte, aeróbica.
  • Conviría incorporar actividades vigorosas, en particular para fortalecer os músculos e os ósos, como mínimo tres veces á semana.

Actividade física moderada. Nunha escala absoluta, intensidade de 3,0 a 5,9 veces superior á actividade en estado de repouso. Nunha escala adaptada á capacidad persoal de cada individuo, a actividade física moderada adoita corresponder a una puntuación de 5 ou 6 nunha escala de 0 a 10.
Actividade física vigorosa. Nunha escala absoluta, intensidade 6,0 veces ou máis superior á actividade en repouso para os adultos, e 7,0 ou máis para os nenos e nenas. Nunha escala adaptada á capacidade persoal de cada individuo, a actividade física vigorosa adoita corresponder a entre 7 e 8 munha escala de 0 a 10.

Con estes datos, o grupo de investigación da UDC en "Educación, Saúde e Actividade Física: Estudos de Xénero" realizou recentemente un estudo sobre a Actividade Física da mocidade no contexto dos PDC, cunha mostra de máis de 1500 alumnos e alumnas e en torno a 2300 pais e nais.

Tendo en conta a seguinte categorización, en función das horas semanais de actividade física moderada ou vigorosa:
  • Moi pouco activos (menos de 3 horas)
  • Pouco activos (de 4 a 6 horas)
  • Activos (de 7 a 9 horas)
  • Moi activos (de 10 en diante)
obtiveron os seguintes resultados no alumnado de 1º da ESO (grupo máis próximo en idade á Educación Primaria):
  • O 91,2% dos nenos percíbense a si mesmos como activos ou moi activos.
  • O 87,2% dos pais e o 81,3% das nais perciben aos seus fillos como activos ou moi activos.
  • O 83,4% das nenas percíbense a si mesmas como activas ou moi activas.
  • O 84% dos pais e un 80% das nais perciben ás súas fillas como activas ou moi activas.
  • A realidade di que tan só un 41,8% dos nenos e un 23,6% das nenas son realmente activos ou moi activos.
Esta percepción errónea, moito máis pronunciada sobre as nenas, obriga ao ámbito educativo a tomar medidas urxentes, pois trátase dun problema educativo que atañe tanto ao alumnado coma aos seus proxenitores.

É por iso, e polos demais factores sinalados con anterioridade,  que o CEIP Plurilingüe de Tirán ve máis que xustificada a posta en marcha do seu Proxecto Educativo de Centro, para tratar de incidir tanto no alumnado coma nas súas familias.