Ponlle as pilas ao teu bocata

A campaña Ponlle as pilas ao teu bocata está deseñada para transmitir aos escolares de Educación Primaria a importancia do consumo das conservas de productos do mar na dieta e así fomentar o seu consumo.

Ter unha dieta rica e equilibrada é fundamental para crecer. Levar unha alimentación axeitada, completa e variada, dá a enerxía necesaria para facer o que a un lle guste durante o día.

As especies mariñas en conserva, xunto cunha gran variedade de alimentos vexetais, cereais, lácteos, etc., servirán para elaborar os propios bocatas. Experimentar con todas as combinacións que a un se lle ocorran, será unha boa práctica para gozar dunha infinidade de sabores que nos achegarán os beneficios enerxéticos necesarios para crecer sans e fortes.

A páxina web da modalidade ofrece unha serie de exemplos cos que experimentar dun xeito sinxelo, recollendo a súa receita e seu modo de preparación. Ademais amosa dunha forma moi gráfica a cantidade de enerxía que proporciona cada bocata, coa súa información do número de Kcal, así como a súa cantidade de proteínas, lípidos e glúcidos.

Para os centros participantes nesta modalidade, a consellería pon a disposición unha serie de obradoiros impartidos por monitores nos centros educativos. Nestes obradoiros dan a coñecer ao alumnado unha serie de coñecementos sobre as especies mariñas máis habituais nas conservas e elaboran con eles un bocata de conservas e outras variedades de alimentos saudables.